Idioma : galego
Portal Web sobre Samos e o Camiño de Santiago


 

Camiño de Santiago

imagen

Listado





Camiño de Santiago

TRIACASTELA - SARRIA [CAMIÑO FRANCÉS]

Triacastela - Samos - Sarria: 24,5 Km.

Triacastela é unha vila que mantén unha estrutura urbana artellada en función do Camiño Francés. O topónimo parece proceder de "tres castros". Da Idade Media conserva a ábsida románica (s. XII) da Igrexa de Santiago. A nave, a fachada e maila torre-campanario son do s. XVIII. Triacastela tivo hospital e, mesmo, cárcere de peregrinos. Durante o período de construcción da catedral de Santiago algúns peregrinos recollían pequenas pedras calcáreas nunha canteira de Triacastela e levábanas ata os fornos de cal de Castañeda (Arzúa), colaborando así a axilizar as obras da basílica.

Desde Triacastela caben dúas posibilidades. Pódese continuar directamente cara a Sarria a través dunha cadea de pequenas localidades de antiga tradición xacobea: A Balsa, San Xil, Montán, Pintín, Calvor e San Mamede do Camiño. Pero outros peregrinos prefiren desviarse cara ao sur, na procura da hospitalidade dos monxes benedictinos de Samos, que manteñen viva a vella hospedería. Ten este treito o estímulo do antigo mosteiro e as belas paisaxes que atravesan o río Sarria e antes do fermoso val do Real.

O máis característico da arquitectura popular da zona áchase aquí. O mosteiro de San Xián de Samos está considerado como un dos máis antigos de Occidente (s. VI). A primeira comunidade monástica seguía o ideario ascético dos monxes coptos do deserto, reforzado pola Regra de San Froitoso. A finais do s. VIII Samos educa ao futuro rei Afonso II o Casto, no reinado do cal se descubriu o sepulcro de Santiago. Coa adopción da Regra de San Bieito, en 960, o mosteiro ocúpase da hospitalidade aos peregrinos e constrúe nas súas inmediacións, arredor do ano 1000, a singular Capela do Salvador, hoxe coñecida como "Capela do Ciprés".

No s. XII acolleu temporalmente á raíña dona Urraca, á súa corte e ao arzobispo Xelmírez. A partir de 1505 pasou a depender da Congregación de San Bieito de Valladolid. Durante a Idade Moderna a forza económica e cultural de Samos potencia unha gran renovación arquitectónica. Neste proceso pérdese a igrexa románica, que deixou paso a un grandioso templo do s. XVIII. Da obra medieval só fica unha portada lateral que comunica co Claustro das Nereidas (s. XVI).

No s. XVII o escultor Francisco de Moure realizou varios retablos para a igrexa. En 1685 iníciase o gran claustro, a construción do cal dura ata 1746. O escultor neoclásico Ferreiro realiza o retablo maior da igrexa entre 1781 e 1785 e, pouco despois, comézase a gran sancristía clasicista, obra que se adentra no século XIX.

A ruta por Samos leva igualmente a Sarria, a localidade máis poboada do Camiño Francés en Galicia. En Sarria faleceu o rei Afonso IX (fundador xustamente desta vila e de Triacastela) cando peregrinaba a Compostela no ano 1230. Do pasado medieval sarriano subsiste a igrexa do Salvador, románica e con fachada gótica do século XIV, e mailo convento da Madalena (actualmente de Padres Mercedarios), fundado a principios do século XIII como hospital de peregrinos, por dous relixiosos italianos da Orde dos Benaventurados Mártires de Cristo, tamén peregrinos. En Sarria houbo outros hospitais: o de Santo Antonio (s. XVI), fundación de don Dinis de Castro, que atendía aos peregrinos cando voltaban de Santiago, e o de San Lázaro (s. XV). Pero tamén están documentados outros na Aguiada (Calvor), San Cosmede do Carballal (Vilar de Sarria), Santa Marta (Ortoá) e Goián. O lazareto (s. XV) estaba dirixido pola Xustiza e Rexemento da vila de Sarria, que nomeaba maiordomos para administralo. Había tamén lazaretos en Portomarín, Melide e Compostela. (Texto extraído da páxina oficial do Xacobeo)