Idioma : galego
Portal Web sobre Samos e o Camiño de Santiago


 

Rutas Turísticas

imagen

Listado





Ruta Fluvial de Samos a Pontenova

Lonxitude: 3 quilómetros.
Dificultade: Baixa.

Trátase dunha ruta de marcado interese natural e paisaxístico, co importante valor engadido de coincidir co Camiño de Santiago ó seu paso polo concello de Samos.

A ruta trascorre á beira do río Sarria e pasa polo referente municipal: o Mosteiro de Samos.

O percorrido inicíase no centro da vila, a carón da presa do muíño de Bizarro. No inicio o camiño avanza entre o río e o casco urbán, e deseguida aparece unha pasarela que atravesa o río. Aproximadamente despois de 700m, a carón dunha área recreativa, hai que desviarse á dereita, alonxándonos da marxe do río, para toma-la estrada que vai de Samos a Sarria. A ruta continúa por un camiño de terra, chamado camiño do peregrino, e que forma parte do Camiño de Santiago. Poucos metros río abaixo atopamos unha presa de grandes dimensións e o muíño de Zaera.

No quilómetro 1,4 aparece o pobo de Foxos, onde tomamos á esquerda un camiño de terra que nos leva á beira do río Sarria. Neste ponto atópase unha ponte que comunica coa aldea de A Ferrería, lugar onde houbo unha fábrica artesanal de ferro, da que non se conservan restos.

Á altura da ponte de A Ferrería hai que desviarse á dereita, seguindo á beira do río. Uns 200m máis adiante pasamos pola área recreativa de Foxos, coñecida como museo da pedra. No quilómetro 1,9 hai que deixar de novo á beira do río, para sair a estrada e continuar polo camiño do peregrino, ata 200m máis adiante onde nos achegamos de novo ó río e cegamos á area recreativa de Teiguín. Unha ponte de pedra permite o acceso a un refuxio de caza e a outra área recreativa, situada na outra beira do río Sarria.

Seguimos a ruta camiñando entre chopos e ameneiros, ata pasar xunto á ponte medieval de Teiguín, aproximadamente no quilómetro 2,5. Na outra beira do río está o muíño de Teiguín. A ruta remata na ponte do Bao, tamén chamada Pontenova , onde a estrada LU-633 atravesa ó río.