Idioma : galego
Portal Web sobre Samos e o Camiño de Santiago


 

Nova

A Xunta prepara novas actuacións en Santa Mariña e Formigueiros (28/02/2007)

O castro será obxecto doutra campaña de escavacións o próximo verán.
A necrópole megalítica será acondicionada para recibir visitas turísticas.


fotos traballos de rehabilitación iniciados o pasado ano no castro de Formigueiros, no límite entre os municipios de Samos e O Incio, terán continuidade o próximo verán con novas escavacións arqueolóxicas e novas operacións de acondicionamento. Gonzalo Meijide, arqueólogo da Consellería de Cultura, sinala que estes traballos se levarán a cabo moi posiblemente no mes de agosto e que, ao igual que na primeira ocasión, correrán a cargo dun campo xuvenil xestionado pola Vicepresidencia de Igualdade e Benestar.
A amplitude das novas escavacións que se realizarán no castro este ano está aínda por determinar, xa que depende de diversos factores, como o número de persoas con que conte o campo de traballo, as condicións meteorolóxicas ou os eventuais achados que poidan producirse. En todo caso, é de esperar que as obras poñan ao descuberto máis restos de construcións do asentamento castrexo e sirvan para incrementar o coñecemento da súa estrutura.
As obras comprenderán ademais a eliminación da maleza que aínda cubre unha boa parte dos terreos do castro e que impide examinar moitos detalles do seu complexo sistema defensivo. O ano pasado, o asentamento xa foi desbrozado en grande parte, despois de permanecer durante moitos anos praticamente oculto pola vexetación. Así mesmo, está previsto proseguir o levantamento topográfico da antiga cidadela, iniciado na campaña do 2006. Como resultado daqueles traballos iniciais foi elaborado un plano en tres dimensións que permitiu ter por primeira vez unha visión de conxunto do complicado sistema de foxos e murallas que defendía esta poboación.
Polo contrario, de momento non está previsto realizar escavacións na necrópole megalítica do monte de Santa Mariña, moi próxima ao castro de Formigueiros. O que si se realizará este ano neste xacemento son diversos traballos de acondicionamento para facilitar a súa accesibilidade. En días pasados, persoal da Consellería de Medio Rural comezou a desbrozar as partes máis invadidas pola maleza deste importante conxunto de mámoas. Posteriormente, segundo explica Gonzalo Meijide, realizaranse melloras no camiño de acceso ao monte, que actualmente non é fácil de percorrer para os turismos. A colocación dunha serie de letreiros que indiquen as dimensións e as características da necrópole prehistórica complementará depois estas actuacións, coa finalidade de abrir o xacemento ás visitas turísticas.