Idioma : galego
Portal Web sobre Samos e o Camiño de Santiago


 

Nova

Declaración Bic para a Necrópole de Santa Mariña.

O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de novembro de dous mil seis, e a proposta da conselleira de Cultura e Deporte, acordóu Declarar Ben de Interese Cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, a necrópole de Santa Mariña, situada nos concellos do Incio, Samos e Sarria, provincia de Lugo.

fotoO Decreto 236/2006, do 23 de novembro, declara ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, a necrópole de Santa Mariña, situada nos concellos do Incio, Samos e Sarria, provincia de Lugo.

A Necrópole de Santa Mariña esténdese polo monte do mesmo nome, na confluencia de tres concellos: O Incio (parroquia do Viso), Samos (parroquia de Formigueiros) e Sarria (parroquia de Loureiro).

A necrópole foi construída ao longo dun amplo intervalo temporal, que se pode situar entre o Neolítico Final e o Bronce Inicial (entre o IVº e o IIº milenio a.C.), erixíndose como unha das máis relevantes concentracións de arquitecturas tumulares de todo o NW peninsular. Este carácter notable vén dado non só polo elevado número de elementos que a conforman senón tamén pola heteroxeneidade ou diversidade que presenta tanto nas súas dimensións e nos restos das antas que resultan hoxe en día visibles coma na ocupación do espazo funerario, que implica, entre outras cousas, que en varios casos a construción dun monumento se realice practicamente sobre a periferia da masa tumular doutro, ou a existencia dunha localización xerárquica no caso de tres elementos, desde os que son percibidos a metade dos integrantes da necrópole.

Están identificados un total de 44 depósitos ou elementos arqueolóxicos, dos que corresponden 40 deles a monumentos tumulares ou medorras, nome este último co que se designa na zona esta categoría de depósitos, tres a gravados rupestres e un elemento adscribible cando menos á época moderna (Camiño Real).