Idioma : galego
Portal Web sobre Samos e o Camiño de Santiago


 

Historia

imagen


Os vestixios arqueolóxicos conservados no concello de Samos son testemuña dun remoto asentamento prehistórico nestas terras. A manifestación máis antiga deses primeiros poboadores atopámola nas covas de Santalla, os castros de Loureiro e as medorras de Bustofrío e Trascastro. A abundancia de castros amosa a importancia da cultura castrexa, manifestada en lugares como Pascais, Romelle, Lourido, Estraxiz…a pesares de que non se teñan feito excavacións nestes lugares pódese datar a presenza desta cultura no periodo comprendido entre os s.VII antes de Cristo e o s.II despois de Cristo, e é moi probable que os asentamentos perduraran ata a Idade Media.

A chegada dos monxes, no século VI, vai acaparar a historia municipal, íntimamente ligada á do seu mosteiro. A súa orixe remóntase a época visigoda, situando a súa fundación no s.VI, en tempos de San Martín de Dumio.

O mosteiro foi abandoado no ano 714 coa chegada dos mouros a Lugo, pero por pouco tempo, pois tense noticia da asignación que fai a raíña Fruela na segunda metade do s.VIII o abade Argerico, e da posterior estanza do seu herdeiro Alfonso II O Casto, que pasou aquí a súa infancia tralo asesinato da raína.

No s.X a vida monástica no mosteiro sofreu un quebranto, e foi a pedido dos nobres galegos Arias e Gutier Menéndez, que San Virila, abade de Penamairor en Becerreá, enviará a 17 monxes que finalmente logran retomar a vida monástica no cenobio.

Do auxe da abadía de Samos temos noticia documentada nunha bula papal de Alexandre III do ano 1175, momento no que a abadía exercía a xurisdicción sobre de 105 igrexas espalladas por toda Galicia.

No s.XV os Reis Católicos implantan una reforma nos mosteiros bieitos, orde a que se incorporou o de Samos no 1505 tendo como consecuencia un importante pulo no eido económico e na formación monacal, vivendo unha época de intensa actividade nos s.XVII e XVIII.

O s.XIX iníciase cunha etapa de incertidume para o futuro da abadía, que ve como no ano 1835 dos 37 monxes que habitaban o mosteiro somentes 3 permaneceron en Samos. Esto leva consigo un deterioramento do edificio, que foi entregado polo Estado ó Concello de Samos, pero a insuficiencia de fondos para afronta-lo seu mantemento conleva a devolución a máns do Estado no ano 1862. Non será ata o ano 1880, cando o mosteiro inicia o seu rexurdimento coa chegada de 9 monxes da Orde de Valladolid, que traballan arreo na sua restauración.